19 ene 2015

Concurso de Curtametraxes

Queridas familias e compañeiros, temos a honra de convidarvos a participar no I Concurso de Curtametraxes en Galego do Ceip Pintor Laxeiro.

Coa intención de aprender a nosa lingua dun xeito entretido e englobado no  proxecto xeral deste curso, “Un Laxeiro de Cine”, convocamos os premios Laxeiriños coa nosa particular Gala do Cinema.

Para participar hai dúas modalidades:
- Libre: para que os titores filmen co seu grupo no centro
- Como se di? : Esta modalidade está pensada para as familias, xa que así fomentamos o bo uso do galego tamén na casa.
No cole, os que se animen a concursar, gravarán a súa pequena historia (creada polos nenos) en galego. O escenario, dirección, guión e “atrezzo” corre a cargo dos nosos artistas principais, dos nosos alumnos.
Ao ter a gravación entregarase en soporte dixital co nome e curso para posterior visionado de toda a comunidade educativa.

O “Como se di?” é unha iniciativa que comezou o curso pasado na aula de 1º A e que nos parece interesante continuar nas familias de todo o cento. Consiste nun formato moi simple que ten o obxectivo de aprender palabras básicas da nosa lingua.

Deixámosvos un exemplo para que vos fagades unha idea, pero podedes melloralo!

.
Se aínda nos se vos ocorre nada, poñemos á vosa disposición unha escolma de palabras que podedes empregar:
- Material escolar: xiz, lapis, andel, estoxo, grampadora, taboleiro, cortiza.
- Partes do corpo:  cabeza, cachola, testa , tempas, as vidallas, os sens , cellas, pálpebras. - Utensilios de cociña: tixola, coitelo, garfo, culler, ola, cunca, torradora,    sacarrollas, batedor, escumadeira,     espremedor, funil, peneira....
- Mobiliario urbano: caixa de correos, beirarrúa, paso de peóns, rúa peonil.

A curtametraxe trataría de explicar o significado dalgunhas ou varias destas palabras. Todo isto son ideas que pretenden facilitarvos a tarefa, pero realmente o único requisito que deben cumprir é dar a coñecer o significado de verbas de uso cotián.
Cando teñades a gravación, enviádenola ao enderezo: concursocurtametraxes@gmail.com
As vosas creacións serán publicadas neste blogue. Cada familia votará poñendo un comentario na súa curtametraxe favorita. Unha familia emite un so voto e deixa o seu nome para validalo. Por exemplo: Somos a Familia Pérez e votamos esta curtametraxe pola súa orixinalidade.

Os premios “Laxeiriño” serán entregados na Gala do Cinema o 15 de maio. Enviádea antes do 27 de abril. 

Animádevos a ser realizadores, guionistas, actores por un día! E non esquezades votar o 
traballo dos vosos compañeiros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario